29/7/07

Gruyère


O recinto superior do Castro Grande de Neixón atópase inzado de foxas escavadas na rocha natural. Todo este espazo constituiu un inmenso almacén onde se gardaba a produción agraria da comunidade entre os séculos IV-II a. C.

Mascota


Un enterramento intencional dun animal nunha casa galaicorromana abandonada do Castro Grande de Neixón. A persoa ou persoas que depositaron o cadavre tomáronse a molestia de escavar unha foxa, cubrila cunha morea de pedras e sinala-la tumba cunha pedra finca a xeito de estela, que resulta se-la antiga soleira da vivenda.
A análise radiométrica dos ósos dirá de que época é. A análise paleontolóxica detallará a especie, idade, etc... Todo moi científico. Malia os datos empíricos e o avance dos coñecementos, nada é comparable á cercanía que estes ósos nos prestan ao mundo dos sentimentos dunha xente que estivo e xa non está.
A todos chegarános o San Martiño.

A Armada invencible


No século XVI, perante a ameaza da chegada dunha Armada inglesa, a comunidade local foi mobilizada para defende-la costa. Mariñeiros e labregos de Cespón, como Domingo de Nine, presentáronse ante a autoridade coas armas que tiñan na casa: ballestas, arcabuces, lanzas. Esta mesma xente traballaba arreo para enviar á catedral de Santiago, á corte de Madrid, ostras escabechadas, congrio, rodaballo. Pasaron arcebispos, monarcas e dictadores ao longo dos séculos. Todos desapareceron, menos ela. Aí a tedes, no tallo, ao pé da Punta de Neixón, a nosa verdadeira Armada Invencible.

Horror vacui


Anaco dunha xerra tipo Toralla. Ondas do mar de Arousa, ornitomorfos fuxidíos, patos salvaxes, rombos. Rococó castrexo. Unha proba máis do bo facer das alfareiras castrexas, unha evidencia máis dos contactos co Mediterráneo. Unha vez máis: Neixón, connecting people.

Skin Art


Entre os Gumuz de Etiopía consérvase o rito de paso que leva ao bruxo a facer escarificacións nas meixelas e nas costas dos mozos e mozas da aldea. Símbolo da identidade da comunidade.
No Hermitage de San Petersburgo expónse a pel dos brazos de guerreiros escitas, coas súas tatuaxes monumentais.
A Laxe das Rodas nas costas dunha arqueológa en Neixón. Símbolo da identidade do individuo posmoderno.

Punto limpo


Nunca entenderei o motivo polo cal lle chaman punto limpo a isto. Un verquedoiro fosilizado. Os arqueológos de Neixón, como tódolos arqueólogos do mundo, adicámonos a estuda-lo lixo de épocas pasadas, polo que se nos vai o mirar aos basureiros de hoxendía. Deformación profesional, ou non. Nos USA, dende os anos 70 se desenvolve o Garbage Project co gallo de estuda-los refugallos das clases sociais ianquis.
Que nos poderían dicir os arqueólogos do futuro destes sillóns de sky (símbolo de prestixio), dese sillín de bicicleta (idoliño), desa vella máquina de facer chourizos (ofrenda ao Deus-marrao)?

19/7/07

Etnoarqueoloxía


O luns 23 de xullo inaugúrase a exposición fotográfica Onde as rúas non teñen nome: unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo Gumuz (Etiopía occidental) no Museo do castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), na que se amosan diversos aspectos da cultura material dos habitantes dos poboados de Bowla Dibas'i e Manjäre (Metekel, Benishangul-Gumuz). Nestas aldeas traballou un equipo da Misión Arqueolóxica Española no Nilo Azul no mes de marzo de 2006.

Ficha técnica da exposición:

Comisaria da exposición: Sonia García Rodríguez (IEGPS, CSIC-XuGa)
Dirección científica: Víctor Fernández Martínez (Universidad Complutense).
Autores das fotografías: Xurxo M. Ayán Vila (IEGPS, CSIC-XuGa), Alfredo González Ruibal e Álvaro Falquina Aparicio (Universidad Complutense)
Financiamento: CSIC.

[Fotografía de Xurxo M. Ayán]

De virxes e santos


Seguindo co ciclo de Venres Culturais en Cespón, Leonardo González Pérez falará este venres 20 de xullo de 2007 sobre A relixiosidade popular na parroquia de Cespón. O acto celebrarase na antiga escola unitaria, sé da Asociación de Veciños Neixón.

Celtic nation


Símbolos de raigame céltica coroan este mausoleo ubicado no adro da igrexa parroquial de Santa María de Leiro. Un indiano que fixera fortuna na emigración honrou aos seus pais con esta arquitectura relixiosa e, de paso, ergueu unha escola na parroquia. Como tal fixeran moitos irlandeses ricos afincados nos U.S.A.
Filantropía trasatlántica.
Ao pé, unha lápida reza:

JOSÉ VICENTE
Y JUANA VIDAL
DIOS MANDA QUE LOS HIJOS
HONREN A SUS PADRES
COMPATRIOTAS NO LOS OLVIDÉIS
1885
RIP

Neixón 1927 (2)


O reverso da ficha que rexistra o debuxo de Cuevillas remítenos a unha excursión etnoarqueolóxica que fixera en compaña de Bouza Brey e Martínez López en 1927 por esta zona da Serra de Barbanza.
Queda moito por facer a prol da recuperación da memoria histórica da Arqueoloxía galega.

[Fonte: Catálogo gráfico do SEG, 125; Arquivo do IEGPS (CSIC-XuGa)]

Neixón 1927


No seu caderno de campo, Florentino López Cuevillas debuxou dous detalles da igrexa parroquial de San Vicenzo de Cespón. Esta cuartilla formaba parte do arquivo do Seminario de Estudos Galegos, desfeito pola ditadura fascista tralo golpe de Estado de 1936. Con todo, algo se conservou no arquivo do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Todo fibra


No mesmo tramo de foxo que a machada do post anterior, atopamos un travesaño dunha fíbula de bronce. Co microscopio podemos ver como se conserva aínda a peza de madeira interior. Pequenos detalles da artesanía e da metalurxia dos antigos habitantes da Punta de Neixón.

SERGAS galaico


Esta machada da 2ª Idade do Ferro tivo que agardar menos por unha radiografía que calquer cidadán ou cidadá deste país. O radiólogo díxonos na consulta que a machada levara moita tralla durante a súa vida, xa que pasou pola forxa varias veces. Non terá secuelas no futuro porque o material é bo e a técnica coa que se fixo era moi depurada para o seu tempo. A liña que se vei corresponde ao ensamble das pezas que conforman a machada.
High Tech.

17/7/07

Neixón: Connecting people


En Galicia documéntanse dous fenómenos de carácter universal:

1. A construcción de campos de fútbol sobre necrópoles megalíticas.

2. A utilización dos castros como escenario para encontros sexuais.

Este segundo punto é xa un clásico. Os arqueólogos falamos incluso da etapa condoniense, rexistrada na capa vexetal (UE001).
Mentres a xuventude siga facéndose aloumiños na área aqueolóxica de Neixón, de seguro que seguirá mantendo a súa natureza de espazo de lecer e de seguro que seguirá sendo un espazo vivo.
Locus amoenus.

10-07-2007


Un pote cerámico no foxo S da entrada SE ao Castro Grande. Dilema: un pote en busca de autor:

Arqueólog@ 1 (tradicional): vasilla con perfil en S, forma globular, labio arestado, fase II, bla, bla, bla...

Arqueólog@ 2 (funcionalista): pote de uso doméstico guindado a un vertedoiro. Cómpre facer análises de residuos para coñecer que tipo de alimentos ou líquidos contiña, bla, bla, bla...

Arqueólog@ 3 (feminista): unha mostra máis da cadea técnico-operativa seguida polas alfareiras castrexas que reflectían os conflictos de xénero e reafirmaban a súa identidade, bla, bla, bla...

Arqueólog@ 4 (contextual): cultura material como ferramenta de construción da realidade social, sanción simbólica da entrada ao Castro Grande, un producto da axencia social, bla, bla, bla...

Restaurador: é necesaria unha extración en bloque do cacharro, posterior extracción do sedimento, utilización de pasta, bla, bla, bla...

Señora 1: vaia carallo, eu levo vivindo toda a vida aquí e nunca tal vira, iso puxéstelo vós, que antes non estaba.

Señora 2: xa dicía o meu avó que aquí vivían os mouros, que eran xente pequena, que tiñan tesouros, potas e cousas desas.

A nosa cinza


Madeiras e troncos foron guindados hai moito tempo ao interior do foxo S da entrada SE ao Castro Grande. Hoxendía recuperamos os restos carbonizados daqueles materiais. As análises antracolóxicas permiten identificar as especies vexetais, mentres que o coñecido Carbono-14 facilita unha cronoloxía absoluta daquelas árbores e arbustos.
A insoportable levedade do ser.
Como dicía aquel coñecido presidente de fútbol: el club resurgirá de sus cenizas como el Gato Félix.

10/7/07

Debuxo arqueolóxico


A Asociación de veciños Neixón ven de organizar un concurso de debuxo para escolares co gallo de elixi-lo logo da asociación. Tódolos debuxos recibidos están expostos ao longo do mes de xullo na sé social, situada na antiga escola unitaria, perto da igrexa parroquial de Cespón.
A asociación organiza un ciclo de conferencias ao longo dos meses de xullo e agosto, que serán impartidas polos mebros do equipo arqueolóxico do proxecto de Neixón.

Este venres 13 de xullo ás 21:00, na escola unitaria de Cespón, Xurxo Ayán falará de Neixón: historia dunha paisaxe cultural.

Campaña 2007


O pasado día dous de xullo deu comezo a 5ª campaña de escavacións arqueolóxicas no Castro Grande de Neixón. Para @s que non podades ir tentaremos aportar en tempo real información actualizada sobre a intervención arqueolóxica.

Turismo rural (2)


A aldea de Nine está ao carón dos Castros de Neixón. Durante séculos os seus habitantes colleron pedra da Punta de Neixón para face-los muros das súas casas e das súas leiras. Hoxendía a reutilización dese espazo arqueolóxico devalou do eido material cara ao mundo do imaxinario, do simbólico. Un dolmen decora o xardín da casa na que se aloxan os arqueológos que escavamos en Neixón.
Sinerxias.

Turismo rural (1)


Unha estatua bifronte. Un guerreiro galaico decora o xardín dun chalet de veraneo. A Galicia celta comeza a entrar nos fogares. Reinterprétanse elementos do Patrimonio arqueolóxico. Outros poñen malladoras, carros do país, arados de ferro. Todo un revival neofolk. Sitio distinto.

Microhistoria


O bar Mato é un bo barómetro da vida cotiá de Cespón. As comisións de festas das parrroquias da contorna inzan a parede dos seus carteis promocionais, como as grandes productoras de concertos nas cidades. Pasado mañá é o San Bieito. Véndense cabalos e eguas. Excursión a Fátima. Microhistoria.

O currucho dos porcos


Este galpón que domina a enseada de Rial e maila desembocadura do río Ulla foi unha boa idea. O seu constructor atopou ao cimenta-lo edificio o coñecido casco de Leiro, unha das xoias do Museo de San Antón na Coruña. Metido nun cacharro cerámico e tapado por unha lousa, este casco de ouro foi testemuña da chegada dos comerciantes fenicios, cartaxineses e romanos, da arribada dos drakar vikingos, dos corsarios ingleses no século XVI, da chegada do tren no século XIX... Aparte do seu valor histórico, acompaña ao casco unha historia oral digna de formar parte dun conto de Monterroso ou de Xuan Bello.

Arqueoloxía da relixión


As oficinas dunha serrería en Beluso convertéronse nun santuario improvisado, postmoderno. O empresario chegou dende Vilagarcía de Arousa e con el trouxo unha imaxe de Santa Rita, moi venerada nesa cidade. A empresa mudou, e as vellas oficinas configuran un espazo estudable pola Arqueoloxía industrial. O edificio da báscula, coa súa bicicleta BH dos anos sesenta, os seus libros de contas, a súa guía telefónica de A Coruña de 1970, reutilizouse pola comunidade local coma unha auténtica capela. Dende a Arqueoloxía podemos aborda-la datación dos cultos e das devocións.

Boa viaxe


En Leiro os bos tempos da pesca xa pasaron. O berberecho, a solla, son nomes míticos dun tempo que non volve. As casoupas, os galpóns, inzan a beira do mar coma unha arquitectura fosilizada. Arqueoloxía do mar.